A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e a presidenta da Federación de ANPAS de Centros de Ensino Público da provincia de Lugo (FAPACEL), Belén Díaz, asinaron hoxe un convenio de colaboración por catro anos co fin de continuar impulsando políticas europeas de educación, formación, emprego e apoio ao emprendemento.
Para Ana Prieto, esta sinerxia supón unha oportunidade máis seguir dando a coñecer, e máis concretamente na comunidade escolar, todos os aspectos relacionados con Europa, fomentando os intercambios, o diálogo e o entendemento entre as institucións e a opinión pública, así como a difusión de diversas actividades. Nesta liña, a edil lembrou como Europa contribuíu e está a contribuír a mellorar Lugo e a calidade de vida dos veciños e veciñas, a través de iniciativas financiadas con fondos europeos.
No marco desta colaboración, o Concello facilita a FAPACEL un local no edificio no que se ubica o Espazo Lab, no antigo cuartel de Garabolos, dende onde se informa á cidadanía de todos os aspectos institucionais relacionados coa Unión Europea, dende onde se programan actividades ao longo do ano para dar a coñecer a pertenza de Lugo á Unión Europea e tamén dende onde se implementan todos os programas de emprego, formación e orientación laboral, tanto con financiamento propio como europeo.