1-0 O Lugo gaña ao Alcorcón e remata a primeira volta en posicións de promoción de ascenso

Tarde de frío a de hoxe no Anxo Carro, na que o CD Lugo se enfrontaba a AD Alcorcón, un equipo ao que nunca conseguira gañar.

O primeiro aviso dábano os locais, nunha ocasión de Joselu a pase de Pedraza, que o punta non concretaba por moi pouco. O equipo de Luís César mandaba no xogo e mantiña a posesión e o control dos espazos ante unha presión intensa do Alcorcón, que probaban a José Juan nun lanzamento de falta de Óscar Plano, na que ía ser, practicamente, a única ocasión de mérito dos madrileños na primeira parte. Por contra, o conxunto lucense seguía predominando no xogo, e era Pedraza, gran protagonista do partido, quen ía ter as mellores opcións para inaugurar o marcador, sobre todo en dous claros remates que Dimitrovic terminaba abortando en senllas paradas de gran mérito.

Remataba a primeira parte con empate a cero no marcador, aínda que cun claro dominio do Lugo e coa nota negativa da saída de Carlos Pita por lesión, que se retiraba do terreo de xogo, e era sustituído por Sergio Gil.

A segunda parte co mesmo guión sobre o partido, e co CD Lugo como protagonista no xogo. O ritmo víase afectado por unha volta de vestiarios máis encorsetada no táctico e con dificultades na procura de espazos e xerado de ocasións. A pesar de todo, eran os locais quen controlaba sen xénero de dúbidas un encontro no que a batuta era permanentemente albivermella.

Os minutos transcorrían sen un golpe de efecto claro que desnivelase a balanza do encontro. Velázquez introducía a Afasto e Luque en busca dun peso no xogo que o conxunto local non estaba disposto a ceder. En busca do gol da vantaxe, Luís César movía o banquillo e daba entrada a Caballero por Iriome para sumarse como segundo dianteiro xunto a Joselu.

A dinámica do encontro seguía caendo ao lado local, e tanto era así que, que no minuto 79 chegaba o tanto decisivo para os albivermellos. Ocasión para un Pedraza que rompía a súa marca en velocidade, encaraba a unha defensa incapaz de deterlle, para fulminar despois por baixo a Dimitrovic.

Coa vantaxe no marcador o Lugo mantivo o control sobre o xogo, e o Alcorcón trataba en balde de achegarse con máis corazón que cabeza á meta dun José Juan que vería como o choque terminaba coa súa portería imbatida. Tres puntos de ouro para pechar a primeira volta e que coloca aos de Luís César en posicións de promoción de ascenso.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com