10.000 quilómetros para sensibilizar sobre o cancro infantil

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e o presidente do colectivo lugués SOMOS unidos por el cáncer, José Manuel Vázquez, presentaron este mércores no Salón de Plenos o proxecto Unha carta a Papá Nöel. O Concello colabora con SOMOS nesta iniciativa que pretende concienciar das dificultades que viven os nenos e nenas que sofren cancro así como as súas familias.

No acto de presentación, González Abelleira puxo en valor esta nova “aventura solidaria, chea de ilusión e fantasía, levada a cabo por SOMOS, un colectivo de gran influencia na sociedade luguesa, que traballa por sensibilizar á cidadanía sobre o cancro infantil”.

Pola súa banda, Vázquez agradeceu a colaboración das máis de 50 asociacións, institucións e empresas que fan posible sacar adiante este proxecto, que naceu hai un ano da man de Félix Amor, quen tamén estivo presente no acto.

De Lugo a Laponia

O proxecto de SOMOS unidos por el cáncer busca facer chegar a Papá Noel unhas 3.000 cartas de nenos e nenas de todos os hospitais de España diagnosticados de cancro. Tras recoller por toda Galicia as cartas dos cativos hospitalizados, Félix Amor e Conchy Marrero sairán de Lugo rumbo a Laponia para entregar a Papá Noel ditas cartas.

A saída será o día 21 de novembro dende o Centro Comercial As Termas, nun acto que contempla actividades de danza, clases de hip-hop e unha sesión de zumba a cargo do club deportivo Star Dance, tal e como avanzou no acto Rubén Machado, representante de dito club.

Máis tarde, Amor e Marrero realizarán paradas en Madrid, onde se recollerán as cartas de todos os nenos do sur, e logo en Barcelona, lugar de recollida das cartas procedentes do norte. Previsiblemente chegarán a Laponia entre o 6 e o 8 de decembro tras recorrer 5.000 quilómetros por Francia, Suíza, Alemaña, Polonia, Lituania, Estonia, Letonia e Finlandia. Amor e Marrero viaxarán a bordo dun vehículo de 1996, posto que “non é unha viaxe de pracer, é unha viaxe para reflectir a dificultade que viven os cativos e as súas familias cando teñen que irse a un hospital”, segundo avanzou Félix Amor. O percorrido será retransmitido día a día na páxina web http://www.unacartaapapanoel.com/.

Unha vez en Laponia, achegaranse á casa de Papá Noel para entregarlle as cartas nun trineo tirado por renos e logo volverán a Lugo, recorrendo outros 5.000 quilómetros por Suecia, Dinamarca, Alemaña e Inglaterra, onde collerán un ferry ata Santander. A Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, xogará un importante papel para que este proxecto sexa inesquecible, ao encargarse de facer un repaso audiovisual da aventura.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com