A Consellería de Economía, Emprego e Industria, xunto a Asociación de Empresarios de Hostalería de Lugo organizan a cuarta edición do seu programa integrado de emprego, DIMO IV, do que poderán beneficiarse unhas 100 persoas desempregadas da provincia. Neste programa, a Asociación de Hostaleiros ofrecerá asesoramento e formación en distintas áreas que teñen gran oferta de emprego na provincia así como prácticas en empresas. E se comprometen a ofrecer un mínimo de 30% de inserción laboral. Entre a formación que se ofrecerá destacan camareiros de piso, de sala ou de barra, axudantes de camareiro, axudantes de cociña e módulos necesarios para obter o certificado de profesionalidade en Axudante de Restaurante-Bar.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do presidente e secretario desta entidade lucense, José Francisco Real Castro, presentaron esta iniciativa que combina unha fase de asesoramento e orientación profesional personalizada e outra posterior de formación e prácticas en empresas.
A iniciativa busca incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas, en particular, daqueles colectivos en situación de exclusión social ou risco de padecela, e tamén de persoas, con disposición para traballar, pero que se atopan con algunha dificultade engadida para atopar emprego, como pode ser a carencia de competencias persoais ou profesionais.
Unha das características máis salientables destes programas integrados de emprego é que levan aparellado un compromiso mínimo de inserción laboral do 30%. A media de inserción acadada a través dos programas integrados emprego impulsados pola Xunta nos últimos anos é do 40%. Ademais, neste caso concreto, polo menos 30 participantes realizarán prácticas laborais durante tres meses en empresas asociadas ao programa e colaboradoras
ou socias da Apehl.
O programa combina unha fase de asesoramento e orientación profesional particular, con outra fase posterior de formación e prácticas en empresas. A selección inicial das persoas beneficiarias corresponde ás oficinas de emprego, polo que os interesados poderán informarse nelas ou ben dirixirse á propia Apehl, que dispón dunha bolsa de emprego propia.
Na fase de asesoramento, o equipo técnico e de orientación elaborará, en conxunto cos participantes, un itinerario de inserción laboral personalizado, e facilitarán os medios máis axeitados para capacitalos e que poidan afrontar con éxito a busca de emprego. Pola súa banda, a fase de formación desenvolverase, en primeiro lugar, con accións transversais, que permitan aos participantes adquirir unha serie de competencias comúns: coaching laboral, técnicas de busca activa de emprego e de habilitades sociais e outras máis específicas para o sector da hostalería e turismo como idiomas, manexo de novas tecnoloxías, manipulación de alimentos, etcétera.
O programa Dimo IV desenvolverase desde hoxe mesmo ata o 14 de novembro de 2019. Para a execución das accións programadas contarase con persoal especializado da Apehl e o apoio das oficinas de emprego da Xunta.