“Vivir no rural é moderno” declarou Olalla Rodil nunha visita a unha explotación ovina

A candidata ao congreso por Lugo de Nós-Candidatura Galega, Olalla Rodil visitou hoxe, en Ferreira de Pantón, unha explotación de gando ovino e sinalou que “existen diversas posibilidades de produción agrogandeira no país e mozas e mozos dispostas a implicarse”. Rodil coñeceu de primeira man as particularidades deste sector e o plan de futuro do seu propietario, que é un mozo de menos de 30 anos, que “apostou pola vida no rural dende unha perspectiva de modernidade” e engadiu que “vivir no rural é moderno”.

Entre as propostas programáticas de Nós-Candidatura Galega está a de rematar coa discriminación que sofren labregas e labregos galegos a especto do apoio público estatal á actividade agraria. En concreto, dixo Olalla Rodil “defenderemos a atribución á Galiza da capacidade para aplicar as axudas directas da PAC, co fin de as adecuar ao modelo de produción específico do noso país”. Apoiar os circuítos curtos de comercialización e de transformación por parte dos e das propias produtoras e e apostar pola produción diferenciada e de calidade é outra das propostas da candidatura nacionalista.

Olalla Rodil referiuse ás mobilizacións do sector lácteo que comezarán esta semana e lembrou que son moitos os sectores afectados polas políticas “deseñadas dende Madrid e sen contar coas persoas de aquí, que so pretenden vivir do seu traballo cuns prezos dignos”. Rodil sinalou que “tamén a cunicultura, o porcino, a avicultura, o ovino, a horta e outros moitos sectores precisan dunha voz en Madrid que os defenda para poder seguir producindo e mantendo vivo o noso rural”.

“Temos que continuar o traballo feito polo BNG nas institucións de Madrid para que se respecte ás galegas e galegos” afirmou Olalla Rodil .

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com