Xunta de goberno Xunta de goberno

O Xulgado non acepta o recurso de Candia contra a moción de censura que lle quitou a presidencia da Deputación

O deputado provincial Álvaro Santos informou hoxe de que o maxistrado do Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Lugo non admitiu o recurso presentado por Elena Candia contra a moción de censura do pasado mes de outubro que lle quitou a presidencia á deputada popular e permitiu a proclamación como presidente da Deputación ao socialista Darío Campos.

Candia interpuxera este recurso alegando que no transcurso da votación da moción de censura, o deputado Manuel Martínez  “vulnerou o deber de secreto de sufraxio ao facer público o seu voto, de modo que se considera nulo”, tal e como se recolle no auto do xuíz. Sen embargo o maxistrado expón que “non existe base para considerar que se estea en presenza de dereitos fundamentais que fosen afectados polo resultado da moción de censura”, de forma que acorda non admitir o recurso “por inadecuación do procedemento”.

Unha decisión que o deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos, valorou, comparando a actitude “dun goberno que traballa con intensidade e unha oposición enfrascada en xudicializar a vida política que, unha vez máis, e nisto xa ten experiencia, fracasa no seu intento”. “O goberno da Deputación sempre estivo tranquilo porque sabía que a moción de censura estaba dentro da legalidade”, explicou.

Elena Candia podería interpoñer un recurso de apelación ao auto ante o mesmo Órgano Xudicial nun prazo de 15 días.

Apoio aos gandeiros

Santos informou tamén dos asuntos abordados na Xunta de Goberno, entre os que destacan a aprobación dunha axuda de 150.000 euros para a posta en marcha dun servizo de asistencia xurídica gratuíta que vele polo cumprimento dos contratos lácteos. Un servizo que se prestará a través dos concellos e das cooperativas “poñendo a súa disposición un equipo de profesionais especializados que fagan un rigoroso seguimento dos contratos lácteos dos gandeiros que o desexen”, engade o deputado, que lamentou a “total inactividade doutras administracións coas competencias propias nesta materia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com