112 operarios e 64 máquinas garantirá este inverno a seguridade na rede viaria da Deputación

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, responsable directo da área de Xestión Territorial, presentou esta mañá en Pedrafita do Cebreiro o Plan de Viabilidade Invernal despregado polo organismo provincial para a tempada 2019-2020. Tomé Roca resaltou a importancia de contar cun protocolo destas características para “facerlle fronte coa maior rapidez e eficacia posible ás incidencias que se poidan producir na rede viaria provincial, a máis extensa de España, tratando de garantir a comodidade e seguridade dos usuarios e usuarias fronte a episodios de meteoroloxía adversa”, explicou.

O titular da administración provincial detallou que, “xunto cos recursos propios da Deputación, no Plan de Viabilidade Invernal traballarán 7 empresas cunha ampla experiencia na resolución de incidencias viarias causadas pola neve e o xeo”. En concreto, Tomé Roca explicou que o dispositivo está composto por 112 operarios e 64 máquinas, ademais de 12 silos que temos por toda a provincia e que dispoñen de 420 toneladas de sal de mina”.

O Plan Invernal divídese en 8 zonas, todas dotadas con medios suficientes para facer fronte coas maiores garantías posibles ás emerxencias que poidan xurdir. “A rede viaria provincial é a máis extensa de España, con 4.200 quilómetros de estradas e deles, a metade están situados a máis de 600 metros de altitude sobre o nivel do mar, co que iso supón de maior incidencia das inclemencias meteorolóxicas”, indicou o Presidente.

Durante a súa intervención, Tomé Roca fixo balance da temporada pasada. “Segundo os datos do servizo de Xestión Territorial da Deputación, o operativo realizou máis de 600 intervencións, tanto preventivas como paliativas, o que supón un aumento do 600 % con respecto a temporada anterior”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com