O voceiro do Executivo da Deputación, Álvaro Santos Ramos, informou que a Xunta de Goberno aprobou hoxe a resolución das axudas de 300.000 euros dirixidas a gandeiros e agricultores da provincia para recuperar terras abandonas e poñelas en produción.
Resultaron beneficiados 136 profesionais lucenses que incorporarán ás súas explotacións 582 hectáreas de terreos ata o momento baldíos. Santos Ramos explicou que estes se suman a outros 220 agricultores e gandeiros que xa recuperaron 1.200 hectáreas coas anteriores edicións desta programación que ofreceu o Goberno Provincial na súa aposta por unha Deputación co rural.
Todo isto supón a posta en valor dun total 1.888 hectáreas de terras abandonas no conxunto do territorio lugués en beneficio directo de 356 profesionais lucenses do sector agrogandeiro. A distribución por comarcas das 582 novas hectáreas que se porán en produción sería a seguinte: Na Montaña, recuperaranse 184 hectáreas con 92.300 euros en axudas a 42 gandeiros e agricultores de Concellos desta Comarca; na Terra Chá, 171 hectáreas e 85.600 euros en 39 axudas; na Comarca de Lugo, 97 hectáreas e 48.200 euros en 23 axudas; na Comarca de Sarria, 45,6 hectáreas con 22.800 euros en 14 axudas; na Mariña, 31 hectáreas con 15.900 euros en 7 axudas; en Lemos e Chantada, 24,5 hectáreas con 12.300 euros en 6 axudas e na Ulloa 26,1 hectáreas con 13.100 euros en 4 axudas.
As axudas de 300.000 euros concedéronse en réxime de concorrencia competitiva. É dicir, todos os gandeiros e agricultores a título individual, agrupación de produtores, SATs ou persoas xurídicas con titularidade de explotacións da provincia puideron optar ás mesmas.