A oposición solicitou ao grupo de goberno unha xuntanza para estudar o que está a ocorrer cos comedores escolares. O Grupo Municipal Cidadáns imitiu un comunicado sobre o acontecido no Pleno da semana pasada respecto da prestación do servizo de comedores nalgúns centros escolares municipais. Para Cidadáns o ocorrido no Pleno creou “unha situación de incerteza polas declaracións, ou máis ben a falta delas”, o que provocou que todos os grupos da oposición solicitasen por rexistro que “a alcaldesa convoque unha reunión urxente entre as partes interesadas co obxecto de aclarar a situación actual da prestación do servizo”.
O comunicado continúa “a pesar das cuestións existentes sobre este servizo, o obxectivo é que, sen que se produza interrupción ou quebra algunha na súa prestación, se poida proceder á súa regularización dentro do marcado pola normativa vixente, de forma que alumnos e pais gocen de todas as garantías e facilidades”. Para isto Cidadáns cree “fundamental que se estableza un diálogo claro e sincero entre os representantes do Concello (alcaldesa, concelleiro delegado de educación e todos os grupos políticos), a consellería de Educación da Xunta de Galicia, as ANPAs dos centros afectados e representantes da empresa que agora presta o servizo”.
Dende o grupo municipal de Cidadáns, animan “a Lara Méndez a que convoque esta reunión de forma inmediata para poñernos a traballar canto antes nunha solución rápida e eficaz que corrixa as aparentes irregularidades que existen neste momento”.