A Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo vén de anunciar as representacións que completarán a axenda do primeiro semestre de 2020 para o Auditorio Municipal Gustavo Freire. Un total de 14 pezas teatrais, que darán comezo o domingo 12 de xaneiro, uniranse ao ciclo Lugo en Danza. “Temos así máis de unha vintena de actividades xa programadas para todo o semestre, sen contar as actividades que aínda están en proceso de deseño, como a mostra de teatro clásico ou a semana da danza”, explican dende a concellería.
As entradas para obras para público adulto custarán 5 euros, cun desconto do 30% para persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG, mentres que os espectáculos para público familiar custarán 3 euros. As entradas poderán adquirirse no portal web entradaslugo.es e na Oficina de Turismo até 3 horas antes do comezo de cada función, e unha hora e media antes do comezo do espectáculo no auditorio.
Para este mes de xaneiro están previstas catro obras; Patapum de Elefante Elegante, este domingo día 12; Curva España da compañía Chévere que terá lugar o vindeiro domingo día 19; e Tanxarina Títeres presentará Trogloditas o domingo 26 de xaneiro. Todas estas obras serán ás 18.30 horas. Asemade, o mércores 29 ás 20.30 horas Producións Paloma Lugilde subirá á escena do Gustavo Freire coa peza Poeta en Nova York.
O resto de citas pódense comprobar na web do concello de Lugo.