Durante o ano 2019 a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) impartiu 34 cursos de formación que suman un total de 8.997 horas formativas dirixidas todas elas a persoas con discapacidade ou con incapacidade laboral recoñecida para profesión habitual.
Foron un total de 411 persoas as que se formaron, 172 mulleres e 239 homes, nuns cursos que foron financiados por distintos organismos como: a Consellería de Economía, Emprego e Industria; a Consellería de Política Social; o Fondo Social Europeo; a Fundación ONCE; a Fundación La Caixa; o Ministerio de Asuntos Sociais e tamén Tempe-Grupo Inditex.
O programa de formación que cada ano desenvolve COGAMI está adaptado ás necesidades e capacidades das persoas con discapacidade, tendo por finalidade a adquisición de competencias para capacitar o seu desenvolvemento profesional. Co fin de que o alumnado tome contacto co mercado laboral e co tecido empresarial, os cursos teñen habilitadas horas prácticas en empresas. Durante este ano participaron nestas prácticas un total de 240 persoas, completando así a súa formación teórica. Moitas das persoas que se forman con COGAMI é durante estas prácticas cando logran a inserción laboral. Este ano foron 140 persoas as inseridas, sendo o 43% destas mulleres.
Algunhas das temáticas ofertadas durante o ano 2019 foron: dependente de tenda e paquetería; servizos administrativos; acompañante de transporte adaptado; informática básica; elaboración de produtos alimentarios; xestión de almacén; persoal de limpeza; ofimática; alfabetización dixital; competencias clave; auxiliar de servizos; operador de caretilla elevadora; caixeiro; controlador de accesos; revestimentos en construción; operario de limpeza viaria; manexo de Windows, Word, Excel e Internet; apoio loxístico en almacenamento industrial con movemento de cargas e almacenaxe e reposición.