15 empresas concorren para mellorar a seguridade do Camiño ao seu paso pola LU-633

Un total de 15 ofertas presentan as súas ofertas para a execución das obras de mellora de seguridade viaria dos treitos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo, que coinciden coa traza da estrada LU-633, cun orzamento de case 700.000 euro.

Estas actuacións, cuxo inicio se prevé en xuño, levaranse a cabo no Camiño Francés, na  estrada LU-633, que une Pedrafita e Portomarín, para a mellora da seguridade viaria dos peregrinos, como usuarios vulnerables das estradas. Trátase de intervencións específicas a desenvolver en 5 concellos: Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria e Portomarín.

Entre as intervencións proxectadas cómpre destacar a mellora da sinalización nos cruces do Camiño coa estrada autonómica para orientar aos peregrinos e que lles sexa máis doado seguir a traza da ruta xacobea. Tamén se rehabilitarán treitos do Camiño e se ampliarán en varios puntos ao seu paso polos concellos de Pedrafita, Triacastela e Samos, resolvendo así o estreitamento da traza actual e favorecendo un tránsito cómodo e seguro dos peregrinos.

En Pedrafita do Cebreiro dotarase o Camiño dun ancho maior no treito situado á saída da parroquia de Hospital e tanto na saída de Triacastela como en Samos, ampliarase e rehabilitarase a ruta xacobea, executando 5 treitos de pasarela de madeira. Estes traballos teñen como obxectivo incrementar a seguridade viaria nestes puntos e acadar a excelencia na experiencia dos peregrinos que se achegarán ata Compostela co gallo da celebración do Xacobeo do ano 2021.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com