154 lucenses deixan o paro co Ben Empregado 4

O Presidente da Deputación, Darío Campos, recibiu este mediodía na Praza de San Marcos aos 154 lucenses actualmente no paro que retoman a súa traxectoria laboral noutras empresas e colectivos sociais da provincia grazas ao Ben Empregado 4, máis social. Fíxoo na xornada na que traballadores e empresas se coñeceron antes de formalizar durante os vindeiros 5 días os seus contratos. O 10% dos mesmos serán indefinidos e o 90% a xornada completa segundo o compromiso asumido polas entidades participantes. No acto tamén participaron a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos.

Campos Conde destacou que “na primeira e segunda edición do Ben Empregado conseguimos unha inserción laboral do 35%, é dicir, que 171 persoas continúan a día de hoxe nos seus postos de traballo cando xa rematou o período de 1 ano subvencionable por parte da Deputación. Agardamos que este alto nivel de inserción laboral, que non acadan os plans de calquera outra institución, siga a medrar”.

Para iso, e segundo as verbas do presidente do Executivo, é “imprescindible” a implicación, tanto da Deputación como de empresarios e traballadores. “Xuntos podemos demostrar que é posible facer fronte ao paro con políticas que verdadeiramente xeren empregos dignos e de calidade. Xuntos podemos demostrar que o emprego non ten por que ser precario, por poucas horas, sen conciliación, con salarios claramente insuficiente para vivir…que é o que, por desgraza, vemos que son os que as administracións coas competencias directas, Xunta de Galicia e Goberno Central, están a incentivar”.

Cómpre lembrar que, dos case 20.000 contratos que se asinaron no primeiro trimestre de 2018 na provincia, o 87,3% son temporais, algúns só de 1 día e ata de horas, situación a que tenta facerlle fronte, na medida das súas posibilidades, a Deputación aínda que carece de competencias en materia de emprego.

“Nós cremos no talento, a intelixencia e a capacidade da nosa xente e por iso investimos 2,2 millóns de euros nesta última edición deste plan de emprego. Pensamos que non hai investimento mellor que o que axuda ás persoas a ter un traballo digno e ás pemes, autónomos e asociacións lucenses a aumentar a súa actividade, o que redunda en beneficio de toda a provincia”, destacou Campos Conde.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com