160 mozos e mozas nos campamentos tecnolóxicos e musicais no albergue LUG II

Uns 160 mozos e mozas de 14 a 17 anos procedentes de distintos concellos galegos participan este verán nos campamentos da Xunta de Galicia, O Verán que queres contar, impulsados pola Consellería de Política Social e Xuventude, no albergue xuvenil LUG II. Un deles é o campamento tecnolóxico que se está a celebrar estes días, con 30 participantes, que poden aprender impresión en 3D, ‘Design thinking’, ou creación de podcast e tamén desfrutar de actividades deportivas o de ocio na cidade de Lugo. O éxito destas iniciativas para a mocidade galega, levou á Xunta de Galicia a ampliar o número de prazas para este verán.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado polo xefe territorial de Política Social e Xuventude, Javier Vázquez Nodal, visitou hoxe este campamento tecnolóxico, que comezou o pasado luns e que se desenvolverá durante unha semana. A actividade é a de maior éxito de cantas se celebran no LUG II, e ao igual que o ano pasado, neste verán cubríronse todas as prazas ofertadas.

Este campamento tecnolóxico combina interesantes propostas, como a impresión en 3D,  deseño de logotipos, elaboración de contidos para redes sociais, estampación en tea, edición de vídeos, fotografía ou gafas de realidade virtual con distintas actividades deportivas, como tiro con arco, ‘láser tag’ ou escalada no rocódromo, ademais de ginkanas pola cidade de Lugo e rutas polo contorno do río. 

Arias animou aos mozos e mozas a desfrutar desta experiencia e destacou a gran demanda que teñen cada ano os campamentos de verán impulsados pola Xunta, que  “ofrecen á mocidade de toda Galicia un ambiente lúdico no que ampliar coñecementos en áreas do seu interese, como é o caso das novas tecnoloxías, ao tempo que se divirten con deportes de aventura e actividades de ocio que tamén serven para promocionar a cidade de Lugo e todos os seus recursos turísticos”, salientou.

Ademais deste campamento tecnolóxico, o albergue xuvenil LUG II está a desenvolver outro musical e o denominado ‘Design Camp’, dos que se realizan dúas quendas ao longo de todo o verán, con grupos duns 30 participantes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com