O Vicepresidente da Deputación e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, presentou hoxe, xunto a outras autoridades, a V Edición do Desafío Volta a Lugo, unha carreira cicloturista por etapas de carácter non competitivo, que percorrerá 12 concellos da provincia durante os días 17, 18 e 19 de maio. No acto estiveron acompañados de José María Seijas, presidente do Club Ciclista Cidade de Lugo, organizadores da proba, e do exciclista Ezequiel Mosquera, que participará na segunda e terceira etapas.
Fernández Quipo explicou “172 corredores de toda España participarán durante a fin de semana nun percorrido no que descubrirán todo o que a Provincia ofrece, desde as montañas da Fonsagrada ata o interior da Mariña, ou a Terra Chá. Unha cita clave para dar a coñecer Lugo como destino do turismo activo e deportivo”.
“O concello da Fonsagrada, pola súa orografía é un lugar perfecto para os deportes ao aire libre e de aventura, unha actividade que axuda a dinamizar a economía das comarcas, grazas aos participantes e aos que os acompañan” comentou o Alcalde da Fonsagrada.
Pola súa banda o Deputado de Deportes explicou que “esta cita vai asentándose na provincia, e a presenza de caras coñecidas, como o humorista David Amor, que participará na primeira etapa, ou o exciclista, Ezequiel Mosquera, que recollerá o seu relevo e participará na segunda e terceira; dan ao evento unha maior visibilidade e recoñecemento para unha proba única en Galicia, que ofrece a deportistas afeccionados vivir a experiencia dunha carreira por etapas profesional”.