173 altas e un descenso dos contaxios baixan a cifra de infeccións por covid19 ata as 2023

A terceira vaga da Covid19 ao seu paso pola provincia continúa a deixar cifras altas, eso si, semella que xa comeza a frear o seu avance.  Se no día de onte notificabamos un lixeiro aumento de casos as cifras publicadas hoxe polo SERGAS e recollidas ata as 18.00 horas de onte revelan un significativo descenso de casos activos que se situan en 2023.

Esta baixada é o resultado de 163 altas, un dos números máis altos de altas notificados nesta terceira vaga e ao que hai que sumar outro descenso importante, esta vez no número de positivos detectados, situado onte en 73; moi por baixo dos 102 da xornada anterior.

Este pode ser o inicio do descenso tan esperado logo dunha semana e uns días de máximas restriccións. O certo é que a experiencia revelada nas anteriores vagas, demostra que antes da baixada definitiva de casos sempre se dan varios picos de descenso aos que lles seguen leves aumentos de casos. 

Con todo, a presión asistencial continúa en cifras moi altas. En total, nas plantas de hospitalización se rexistra un paciente menos. No HULA permanecen 38 persoas infectadas, dúas máis que no día de onte, mentres que na Mariña baixa a presión hospitalaria con tan só cinco ingresos en planta, no de Monforte se rexistran hoxe 21 enfermos covid e no Polusa que, ata onte contaba cun caso hoxe xa non ten ningún. 

Con todo as UCIS continúan a rexistrar unha importante ocupación. A unidade de críticos do Lucus Augusti sumaba un paciente nas últimas horas chegando ata os 25, na Mariña continúan a recuperarse na UCI dúas persoas.

Por concellos, hoxe hai que lamentar o peche do Punto de Atención á Infancia do concello de Sober que rexistrou ata 6 contaxios de covid entre profesoras e alumnado. O alcalde da localidade explicou que a principios desta semana unha das profesoras deu positivo polo que decidiu pechar o centro e facer un cribado ao persoal e os alumnos.

En datos de incidencia acumulada, as altas cifras que presentaba a comarca da Mariña días atrás foron remitindo e tan só queda O Vicedo cunha incidencia a catorce días maior de 1000 casos por cada 100 mil habitantes. O preocupante agora tende a ser o centro e o sur da provincia. Así Quiroga é o municipio lucense con maior incidencia acumulada. Entre os Concellos que rexistraron nos últimos catorce días máis de mil casos por cada 100 mil habitantes se atopan tamén Palas de Rei, Ribas de Sil, Vilalba, Monforte, Pantón e Sarria. Da outra banda hai cinco concellos que nos últimos catorce días non presentaron ningún caso, o que sería incidencia 0. Trátase de Barreiros, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna, Ribeira de Piquín e Pol. 

Neste senso, no día de hoxe arrancaron en Monforte de Lemos, Sarria e Quiroga diversos cribados entre a poboación para detectar posibles casos positivos de coronavirus entre persoas asintomáticas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com