EDITORIAL
Hoxe, día da festa do traballo, algo inédito está a suceder, non haberá manifestacións nin celebración nas rúas por mor do andazo do Covid-19.
Pero neste día da festa dos traballadores e, mesmo do traballo, estamos vivindo con toda a crueza xa, a falta del. A situación na que estamos inmersos, e que xa vivimos, pon de manifesto unha un vez máis, que un sistema económico baseado no sector servizos e na construción, sectores que como se puido ver na na anterior crise, son os primeiros en derrubarse, non poden ser o futuro de nada.
Parecía que isto quedara claro, pero a realidade foi que os que tiñan que implementar e propiciar outro sistema produtivo baseado no I+D+i, nestes anos de crecemento, non fixeron nada, e como deixou dito Alfred Einstein, se sempre fas o mesmo, non agardes resultados distintos.
A realidade volve ensinarnos como unha economía de autónomos e microempresas ten altisimas fraxilidades e desmorónase á mínima de cambio. Este modelo anquilosado e arcaico, froito, as máis das veces, da necesidade de ter un traballo, no que os “emprendedores” subsisten xunto cos traballadores, no medio dun sistema precario, non ten ningunha posibilidade de xerar emprego de calidade, nin resistencia a unha crise como a que estamos a vivir nunha economía globalizada que ten como factor principal o valor engadido.
Así as cousas, de novo, moitas familias, eu diría que demasiadas, volven achegarse aos servizos sociais na procura de axudas para conseguir medios de subsistencia. Polo tanto será necesario que os concellos dediquen máis medios humanos e materiais para atender a esta demanda. Non hai escusas para deixar a ninguén a mercede da caridade, hai medios e haberá que ver de que xeito áxil e rápido eses medios se poñen en mans destas persoas para paliar este novo desastre humanitario que xa está chamando á porta. Pois, o que non pode suceder é que, por mor da burocracia, estas axudas tarden en facerse efectivas, os políticos deberán buscar fórmulas que permitan que as axudas cheguen dun día para outro; as necesidades básicas das persoas non poden agardar pola tramitación dun expediente, que no mellor dos casos, tardará 15 ou 20 días en resolverse. Estamos falando da fame de nenas, nenos e maiores e a fame non agarda.
Eloi Caldeiro.