O encontro arrincaba equilibrado, ante un Nástic moi necesitado de boas noticias dado que levaba seis xornadas sen gañar. O CD Lugo pronto se facía co control do balón e a iniciativa de xogo e presentaba as súas credenciais ante un rival superado no comezo. Pronto se adiantarían os de Luís César, grazas a un penalti de Mossa sobre Iriome, que Joselu se encargaba de transformar con calidade para facer o primeiro.
Cos albivermellos controlando xogo e ocasións, ao rival só lle restaban algunhas aproximacións a pelota parada como única opción para xerar perigo, tan só un remate de Emaná que se estrelaba no traveseiro destacaba para os cataláns, nun período amplamente dominado polo CD Lugo.
A segunda metade seguía ofrecendo o choque de posturas entre ambos os conxuntos, cos locais fortes na creación de xogo, e o rival en busca da oportunidade a balón longo sobre as súas puntas. A entrada de Stephane Emaná nesta segunda parte sería transcendental para o desenvolvemento posterior do choque, de feito, era el o que lograba o empate, tras un balón disputado por Emaná ante José Juan por alto, e un rexeite que aproveitaba para marcar. Un gol de persistencia e tenacidade que facía crecer as esperanzas do conxunto dirixido por Merino. O CD Lugo pasaba a tomar de novo a iniciativa, adiantando o bloque sobre campo rival, e potenciando aínda máis o peso das súas bandas na estratexia ofensiva e de desborde.
O período alcanzaba o seu ecuador cando Campillo, en gran manobra, cedía para Caveira en rápida entrada, e este colocaba un centro preciso para a chegada dun Joselu que, de novo, non fallaba ante a meta de Raíña adiantando aos lucenses. Aposta ofensiva que daba os seus froitos, e que outorgaba certa tranquilidade ao conxunto de Luís César. Minutos despois, Achille Emaná remataba con potencia un centro cruzado desde dereita, e volvía igualar o encontro con todo por decidirse no tramo final.
O final do encontro ía ser esquivo para os intereses do CD Lugo. Tras unha magnífica ocasión en remate de cabeza de Joselu, que non lograba conectar con garantías por moi pouco, sería o Nástic quen lograría levar o premio dos puntos a casa cun tanto definitivo de Stephane Emaná a un minuto do final.