Un total de 20 centros educativos van participar este curso no EduReferentes, un programa dirixido aos centros educativos públicos co que se busca dar a coñecer o papel de referentes femininas nas aulas e, deste xeito, contribuír a favorecer a igualdade desde idades temperás.
A iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Asociación Executivas de Galicia, está dirixida ao alumnado das etapas de Educación Secundaria Obrigatoria e de Formación Profesional Básica, para que -a través de charlas e sesións de mentorización- teñan a oportunidade de coñecer novas referencias femininas no ámbito profesional e, deste xeito, que a mocidade dispoña de novas ferramentas para unha orientación vocacional libre de estereotipos de xénero.
O programa inclúe charlas e sesións prácticas nas que profesionais referentes galegas de éxito de diversos sectores se achegarán ás aulas para dar a coñecer a súa experiencia a través de encontros e mentorías individualizadas para potenciar as habilidades persoais dos alumnos. Trátase de sesións de 50 minutos onde o alumnado terá a oportunidade de traballar diferentes habilidades sociais e de comunicación baixo a supervisión destas mulleres referentes.
O departamento de Orientación de cada un dos centros adheridos ao programa será o encargado da súa coordinación.