A Deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, mantivo un encontro esta mañá con preto dunha vintena de alumnos do Centro de Educación Especial Santa María, que durante cinco semanas, serán usuarios da ocioteca de verán para nenos e nenas con diversidade funcional, que financia a Deputación con 10.000 euros. Estes fondos, ademais de para financiar as ducias de actividades que se realizan día a día, permiten a xeración de 4 postos de traballo, os dos monitores que se encargan de realizar esta actividade.
López Izquierdo apuntou que “grazas á colaboración da Deputación, unha vintena de mozos entre 4 e 21 anos, gozará dunha alternativa de lecer lúdico durante o verán, coa que se fomenta a participación activa dos mozos e mozas nun entorno que promove a interacción e socialización. Trátase ademais dunha axuda coa que xeramos emprego, reforzando deste xeito a actividade do tecido asociativo lucense, que realiza unha enorme labor social na provincia, suplindo, en moitos casos, o que as administracións públicas coas competencias, non fan”.
“Colaboramos nesta iniciativa, dentro da nosa aposta por converte a Deputación nunha administración coas persoas, colaborando con todos e cada un os colectivos da provincia, na procura da inclusión social e na autonomía persoal de todos os colectivos en risco de exclusión. Estou segura de que xuntos, Deputación e familias, conseguiremos responder a unha das maiores demandas actuais da cidadanía: a xustiza social e a equidade.”
López Izquierdo apuntou que o colectivo de rapaces e rapazas con diversidades funcionais severas é o grande esquecido nas ofertas, públicas e privadas, de actividades de tempo de lecer, pero moi especialmente a partir dos 12 anos. “É por iso polo que dende a área de Benestar, colaboramos co tecido asociativo lucense co obxecto de favorecer o acceso e a participación dos colectivos sociais na esfera pública”, apuntou.
Ata finais de xullo, a ocioteca de verán que financia o Goberno da Deputación contará cun equipo de cinco persoas, 1 coordinador e 4 monitores, que serán os encargados de realizar actividades que fomenten o coñecemento cognitivo, social e emocional dos usuarios, tales como, xogos populares, obradoiros e manualidades con material de refugallo, deportes e xogos adaptados, actividades de cociña, obradoiros con animais, sesións de cinema, saídas a parques, cafeterías, viaxes en bus urbano, paseos pola muralla e polo centro, e actividades en piscina.