21 postos conforman, dende mañá, o Artesanfroilán

O Artesanfroilán, a xa tradicional feira de artesanía das festas patronais, abre mañá as portas da súa vixésimo terceira edición na praza Anxo Fernández Gómez, detrás da casa consistorial lucense, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño (Centrad), con 21 artistas artesáns que venderán as súas obras dende as 17 horas de mañá ata o 13 de outubro ás 21 horas.

O deputado de Deportes, Deseño e Artesanía e Memoria Histórica, Efrén Castro, repasou esta mañá a traxectoria da mostra, “unha cita imprescindible tanto para o público que visita a cidade por estas datas como para os propios artesáns, que a consideran un escaparate e unha plataforma para súa promoción económica”.

“Estímase que cada edición, a pesar da crise dos últimos anos, a feira xera un volume de negocio duns 90.000 €, que supoñerían un beneficio global para os artesáns duns 75.000€ por cada edición”, expuxo o deputado sarriao.

Artesáns do coiro, cerámica, vidro, téxtil, forxa, madeira, cestería, xoiería, bixutería, e decoración en todas as súas manifestacións pasaron por esta feira nos seus diferentes formatos e localizacións. Desde a antiga Praza do Seminario onde tivo lugar a primeira edición, pasando pola Praza da Soidade onde se celebrou o décimo aniversario, ata a praza Anxo Fernández Gómez, que a acolle agora.

A distribución dos expositores na praza é unha das novidades coas que chega esta edición, na que se buscou unha maior integración da feira no espazo urbanístico. “Afortunadamente esta praza sufriu un cambio positivo nos últimos anos. Novos comercios iluminan e dan vida a este espazo que hoxe compartimos, e por iso nesta XXIII edición de Artesanfroilán, demos un xiro ao deseño da montaxe da feira que amplía e mellora o tránsito e a visibilidade tanto dos artesáns como dos comerciantes locais”, explicou Efrén Castro.

21 artesáns

A feira será un escaparate de 21 artesáns no que se poderán ver artigos de mesa como as vaixelas de Mi madre no me deja, as táboas e cuncos de madeira de oliveira de Armaior, ou os coitelos de Celso Ferreiro de Fonsagrada. Deseños exclusivos de xoiería e reproducións arqueolóxicas en prata como as presentadas por Plata Nativa e A Feitura; ou a bixutería de cobre esmaltado de La Aguada Artesanías, ou de delicadas técnicas mixtas de Imavi.

Tamén marroquinería: carteiras, pulseiras e mochilas de Rappa Taller e Chorima, axendas boinas moedeiros e bolsos de Tres Caracoles, Fontemeimil e Senda Coiro; ou as fundas de lentes, cintos e portadocumentos, de Vidal Revilla.

As persoas que se acheguen a mostra tamén poderán ver e mercar moda pintada a man por Rami de Patapúm, complementos de Mis Marinillas, chales e mantillas tradicionais tecidas con “horquilla” de Cuaderna Maestra. Artigos de coleccionismo e decoración como a cerámica de Barro en Vivo e as caixas de vidro de Tejeluz formarán tamén parte da mostra.

Ademáis, Lucecús e O Sapo Chosco porán a nota de cor nos seus personaxes de amigurumi e miniaturas fantásticas de resina moldeable. E Paparolo poñerá a nota musical coas súas ocarinas e asubíos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com