Un total de 22 actuacións, incluíndo dúas jazz sessions, serán as que compoñan esta nova edición, a XXVIII, do Festival de Jazz de Lugo, organizado pola Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz. A programación inclúe tamén o visionado de dous documentais sobre a vida dos músicos Clark Terry e Lee Morgan. Así anunciaron esta mañá a Deputada de Cultura e a Alcaldesa de Lugo no Círculo das Artes, xunto ao presidente e ao secretario da asociación, Alberto Grandío e José Luis Díaz.
O festival, terá lugar do 10 ao 18 de novembro en catro espazos diferentes da cidade de Lugo: Círculo das Artes, o Club Clavicembalo, a Casa doSaber e o Bar Ho! Gruf. A asociación Escobijazz ten como principal actividade a organización deste festival que se ven celebrando na cidade dende o ano 1991. Durante estes anos o festival deu cabida a figuras internacionais e novos valores neste xénero musical.
Programa
O sábado 10 de novembro ás 23.45, terá lugar o concerto de Marcos Pin e Pablo Castaño, coa súa Jazz Orchestra, no Clavicémbalo por un prezo de 10 euros.
O domingo 11 de novembro ás 20:30 horas, no escenario 1906 do Círculo das Artes, terá lugar o concerto do saxofonista Antonio Lizana cunha entrada que custará 12 euros.
O día 12 de novembro, luns, haberá actividades desde ás 20.00 horas cando a Casa do Saber acollerá a actuación do Eva Fernández Trio. A entrada é libre ata esgotar as localidades. O mesmo día ás 21.30, no Círculo das Artes, cunha entrada de 12 euros actuarán Nani García Trío e a Banda Municipal da Coruña, no escenario 1906.Por último, ás 23.30 horas será o turno do David Regueiro Trio no Clavicémbalo cun prezo de 5 euros por localidade.
O martes 13, ás 20.30 horas o Círculo acollerá o concerto de Charles McPherson Quartet, que se poderá ver no escenario 1906 por 12 euros. Ás 23:30 horas terá lugar o concerto de Javier Navas Quartet, no Clavicémbalo, cunha entrada de 5 euros. No Ho! Gruf, con entrada libre, se proxectará o documental Keep´on keepin´on, sobre a vida de Clark Terry.
O mércores 14 de novembro ás 20:30 horas, no escenario 1906 do Círculo das Artes, actuará o David Murray Quartet. Entrada 12 euros. No Clavi, ás 23:30 horas actuará o cuarteto de Moisés P. Sánchez. Entrada: 5 euros. E, no Ho! Gruf, ás 18:00 horas, proxéctase o documental I call him Morgan, sobre a vida do trompetista Lee Morgan.
O xoves 15 de novembro ás 20:30 horas, no escenario 1906, terá lugar o concerto do trompetista Fabrizio Bosso Special Quintet, cun custe de 12 euros por entrada. Ás 23:30 horas, e cunah entrada de 5 euros terá lugar no Clavicémbalo o concerto de Natanael Ramos Quintet.
Ás 20:30 horas do día 16 o Círculo das Artes, e tamén cunha entrada de 12 euros, acollerá a actuación do grupo de Gilad Hekselman Zuperoctave, con Aaron Parks & Kendrick Scott. Ás 22:00 horas, no Ho! Gruff haberá unha jazz session a cargo de Sr.Blas; ás 23:30 horas, no Clavicémbalo, actuará o Juyma Estévez Trío; e ás 23:55 horas, será o turno de Albert Cirera y els Tres Tambors. A entrada para os dous concertos é de 10 euros.
O sábado 17 de novembro arrancará o Jazz á 13:00 horas, cunha sesión vermú coa actuación de Nastasia Zürcher no Ho!Gruff, onde ás 22:00 horas, haberá unha jazz session a cargo de Sr. Blas. Os Yellowjackets abrirán a xornada do sábado 17 no Círculo das Artes, no escenario 1906, ás 20.30 horas, cunha entrada de 12 euros. No clavicémbalo rematará a actividade do sábado, dende as 23:30 que terá lugar o concerto da Kike Mora Band, que interpretará temas de Marcus Miller, e posteriormente será o turno de Saxophobia Funk Project. A entrada para os dous concertos é de 10 euros.
O domingo 18 de novembro, ás 20:30 horas, no escenario 1906 do Círculo, actuará a pianista, vocalista e compositora Sarah McKenzie. A entrada ten un prezo de 12 euros.