De “gran día” e de “fito” cualificou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a toma de posesión de 23 bombeiros esta mañá, 11 deles interinos, cos que se reforza o actual equipo municipal de extinción de incendios e salvamento. O Corpo sitúase con estas incorporacións nos 48 efectivos.
A rexedora acudiu esta mañá ao acto de sinatura da súa posesión e felicitounos. “Se estades aquí hoxe foi por ter pasado unhas fortes probas selectivas, polo que podemos dicir que contamos en Lugo cos mellores profesionais”, sostivo. Méndez lembrou todas as melloras desenvolvidas no mandato pasado en recursos materiais, como a compra de novos vehículos para o parque móbil de bombeiros, “pero nos faltaba este necesario reforzo en efectivos persoais que permitirá optimizar a organización do servicio e unha mellora na súa calidade”.
Con estas incorporacións, dixo Méndez, materialízase “o esforzo realizado no mandato anterior” no desenvolvemento dos procesos selectivos “para ter un cadro de persoal saneado”. Neste caso, achégase ao número de bombeiros fixado na RPT, que ascende a 54. “O de bombeiros é un servizo imprescindible e temos que ter asegurada que ante calquera incidencia haberá unha resposta rápida e profesional”, aseverou a alcaldesa.
Méndez aproveitou para pedir unha maior autonomía para que os Concellos poidan dar cobertura aos servizos municipais “sen as restricións fixadas polas ‘Leis Montoro’”, que no caso das forzas de seguridade permite convocar a totalidade da taxas de reposición pero só si existen xubilacións.