O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, e a
Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, mantiveron un encontro hoxe cos 23 novos empregados que comezaron a traballar na Deputación grazas ao programa Primeira Oportunidade. A través desta iniciativa, o Executivo Provincial ofrece a posibilidade de ter unha primeira experiencia laboral a recén titulados en Formación Profesional e Graos impartidos na provincia de Lugo, así como a persoas que, pese a ter traballado noutros eidos, non tiveron a oportunidade de desenvolverse no seu ámbito profesional específico.
Durante o encontro, os novos empregados que acaban de incorporarse á Institución Provincial, asinaron os seus contratos laborais. Campos Conde deu a benvida aos traballadores e sinalou que “con esta programación de emprego tratamos de ofrecer experiencia a mozos que remataron os estudos e buscan acceder ao mercado laboral, así como a persoas que non tiveron a oportunidade de traballar no sector no que se formaron, ao mesmo tempo que reforzamos os servizos da Deputación, podendo ofrecer unha mellor atención aos cidadáns”.
Nesta liña, o Presidente puxo en valor a necesidade de reter o talento lucense e evitar a fuga de talento, “un problema ao que damos resposta, poñendo en marcha esta liña de emprego. Deste xeito, ofrecemos saídas e experiencia laboral na nosa provincia, apoiando a un dos colectivos con maiores dificultades á hora de conseguir un posto de traballo: mozos que recentemente acaban de rematar os estudos e buscan o seu primeiro emprego. Esta programación é un exemplo máis da nosa preocupación por un dos sectores máis castigados e con maior taxa de paro como é o xuvenil”.