24 horas correndo pola Muralla para visibilizar que no cancro todos SOMOS RESISTENTES

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, e o presidente da asociación Somos Unidos Contra el Cáncer, José Manuel Vázquez, xunto cos atletas Óscar e Telo, presentaron este mércores, na sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, as actividades do evento 24 horas solidarias No Cancro todos SOMOS RESISTENTES, coas que colabora o Concello, que terán lugar o 17 e 18 de marzo.

Baixo o lema No Cancro todos SOMOS RESISTENTES, Óscar e Telo teñen previsto correr polo adarve da muralla durante 24 horas, co propósito de recadar fondos dunha maneira solidaria para a Asociación Somos Unidos contra o Cancro.

No acto, Miguel Fernández amosouse orgulloso pola celebración deste tipo de probas deportivas cun marcado carácter solidario na cidade, como coas que, non podía ser doutro xeito, colabora o Concello. Así mesmo, felicitou á Asociación Somos Unidos Contra el Cáncer pola importante labor social e de apoio para coas familias e doentes desta enfermidade, poñendo a súa disposición todo o que sexa posible para visualizar as actividades organizadas por este colectivo.

Pola súa banda, José Manuel Vázquez agradeceu o compromiso e a sensibilidade do Concello cos actos que o seu colectivo organiza sempre no municipio.

A saída da proba terá lugar na Praza de Pío XII ás 10:00 horas, onde paralelamente durante toda a xornada do sábado día 17 de marzo se instalará o avituallamento. Tamén haberá actuacións por parte de Dj´s e exposicións deportivas, entre outras actividades. A finalización deste reto coincidirá coa saída do Corre con Nós, pois os dous corredores, acostumados á consecución de retos de longa distancia, afirmaron que tras a finalización do seu desafío teñen pensado correr a mencionada carreira popular organizada polo Concello.

Todas aquelas persoas solidarias que desexen acompañar a estes valentes, poden adherirse a esta acción inscribíndose no lugar da saída, de forma individual ou por medio de clubs deportivos, cun prezo mínimo e simbólico dun euro por persoa, coa que recibirán unha pulseira solidaria.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com