A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, impuxo 25 anos e medio de cárcere o home que en 2016 matou a súa muller disparándolle cunha escopeta diante dos dous fillos menores da vítima no domicilio familiar, situado en Becerreá. O sospeitoso foi considerado culpable dun delito de asasinato, coas agravantes de parentesco e desprezo de xénero, dun delito de ameazas e doutro de malos tratos. A sentenza indica no apartado de feitos probados polo tribunal do xurado que o acusado disparou por detrás á súa muller cando ela, diante dos seus dous fillos e da súa sogra, lle dixo que quería o divorcio. O disparo produciuse, segundo o xurado, “de forma sorpresiva e sen posibilidade de defensa por parte da vítima, pois aproveitou que se atopaba totalmente de costas”.
“A actuación do condenado respecto da súa muller obedecía a súa intención controladora e posesiva sobre ela, a quen trataba con dominación e desprezo, querendo ter el sempre a última palabra, polo que non aceptou a ruptura”, indica a sentenza. Ademais, o Tribunal do Xurado considerou que disparou a pesar de poñer “en perigo” a un dos fillos da falecida, a quen o tiro impactou nunha man e na coxa esquerda.
O condenado tamén foi sentenciado á prohibición de comunicarse e aproximarse aos dous fillos da vítima durante 37 anos e a cinco anos de liberdade vixiada. Como indemnización, deberá pagarlle a cada un deles 101.000 euros en concepto de responsabilidade civil e danos psicolóxicos. Á nai da falecida deberá pagarlle 41.000 euros; e, á súa irmá, 16.000.
O Tribunal do Xurado rexeitou a concorrencia das atenuantes propostas pola defensa. Así, descartou que o acusado estivese bébedo cando ameazou a súa muller ou que cometese o asasinato nun estado de ofuscación ou de arrebato. Tampouco considerou probado que o procedemento xudicial tardase en desenvolverse un tempo superior ao que está xustificado nin que o condenado axudase, coa súa confesión, a pescudar o sucedido.