O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou este venres sobre a aprobación por parte do Executivo Provincial en Xunta de Goberno de novas inversións por valor de 651.000 euros para melloras en estradas provinciais de 25 Concellos, cos que o Goberno busca mellorar as dotacións públicas e servizos dos que dispoñen os veciños.
Son case 350.000 euros os que o Goberno da Deputación destina á rehabilitación de 12 quilómetros de 6 estradas provinciais que discorren por 3 Concellos da provincia (Burela, Trabada e Viveiro).
Asemade, Campos Conde informou que , con outros 303.800 euros, contratarán os servizos de roza e desbroce de maleza de estradas provinciais en 22 municipios da provincia. Estes son: A Pontenova, Riotorto, A Pastoriza, Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz, Begonte, Castroverde, O Corgo, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna, Becerreá, As Nogais, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Quiroga, Ribas do Sil, Bóveda, Pobra do Brollón e Monforte de Lemos.
O Presidente lembrou que durante as últimas dúas semanas, o Goberno da Deputación aprobou investimentos na mellora de estradas provinciais por valor de 2,5 millóns de euros, que se engaden aos aprobados na sesión de hoxe, sumando, no seu conxunto, inversións de 3,1 millóns de euros.
“Un equipo formado e profesional”
O Presidente socialista aproveitou para valorar que o novo Goberno do Estado do PSOE é “un equipo formado, profesional e moi preparado para poñer fin ás políticas de dereitas promovidas polo Partido Popular”.
“Creo que o Partido Socialista foi quen de conformar un equipo con xente moi formada profesionalmente e preparados para levar a cabo os seus cometidos como Goberno. Creo que o perfil do Goberno elaborado polos socialistas é técnico, profesional e moi preparado, e considero que é un equipo que pode levar a cabo a recuperación dos sectores máis desfavorecidos polas políticas implantadas polo PP, como por exemplo en sanidade, educación…”.
“Non botaremos de menos a Feijóo”
Campos Conde apuntou, tamén logo das preguntas dos xornalistas, que non vai botar moito de menos a Feijóo se se vai a Madrid porque foi un Presidente, dixo, nefasto para Lugo xa que non deu resposta a ningún dos puntos que os socialistas reclamaron para a provincia como o servizo de hemodinámica, a estación intermodal ou a mellora de estradas.
“Na provincia de Lugo non hai ningunha nova inversión da Xunta de Galicia. O que fan é pasearse vendendo o gasto corrente, gasto que, por certo, calquera goberno ten que asumir. Non hai nada da Xunta de Galicia na nosa provincia”.