Quén lles ía dicir aos promotores da “Revolução dos Cravos”(Revolución dos caraveis), que 41 anos despois sería necesario volvela iniciar.
Teño por seguro que xamais se lles pasou pola cabeza naquela noite do 25 de abril de 1974, cando se emitiu pola radio “ E despois do adeus” de Paulo Carvalho, canción que anunciaba que todo estaba preparado para o golpe contra da ditadura, e que daría comezo escasa hora e media despois, coa emisión de Grandola vila morena, que se chegaría ao desastre social no que hoxe se atopa o país veciño.
Cantas voltas dá historia e que inxusta é as veces, mentres a canción de Xosé Afonso se converteu nun himno, a de Paulo Carvalho permanece nese claro-escuro dos lindeiros da memoria; todo tan preto e tan lonxe .
Tan preto que aínda lembro a conversa cuns amigos o véspera porque querían viaxar a Lisboa, sen sospeitar o que se estaba a preparar alí; dixen que non, e perdín a oportunidade de asistir en primeira persoa a un intre inesquecible da historia. Tan lonxe, que xa sería necesario comezar outra revolución. Porque Portugal, como a maioría dos países desenvolvidos, está de novo baixo doutra bota, a do neoliberalismo, esta máis sutil, máis sibilina pero que ten os mesmos efectos nos pobos: impón a súa política, subtrae os dereitos e mata como a outra.
Coido que Saraiva de Carvalho si albiscou por onde ían ir as cousas. As voltas da historia fixeron que máis ou menos todo rematara no mesmo que combateron. Venme agora á memoria aquela canción que se cantaba no Portugal prerevolucionario a proposito do dictador Salazar “ …era sempre a mesma melodia, Salazar e a súa democracia”.
Eloi Caldeiro.