25 días confinado

    Hoxe, luns, cumpro vintecinco días (comecei tres antes de ser obrigatorio) de confinamento, sen saír da casa, na aldea, que mitiga a monotonía dun piso pero tamén ílla porque non se recibe prensa escrita, internet ten unha lentitude insultante, e todo parece transcurrir como a cámara lenta.

Os informativos dos medios téñense convertido forzosamente en monográficos, e contemplamos a sucesión de novas, de peches, de rúas baleiras, de mortos como se fose unha mala copia dunha película catastrófica das que agoiran a fin dos tempos, comprobando que a realidade é máis dura que calquera película con esaxeracións interesadas por esixencias dos guións.

E as imaxes, as cifras de contaxiados e os miles de mortos, parécennos que non van connosco, pechados nas casas, sen perigo arredor…que só temos que agardar que todo pase. Pero a través dos medios, ou das chamadas de amigos, vainos chegando a realidade que nos enlaza co mundo dos problemas…

A Casa de Galicia en Madrid comunica a morte de José Manuel Pérez Vázquez, prestixioso oncólogo, directivo dos Médicos galegos en Madrid. E sei do pasamento do gran galego Xosé Luis Franco Grande, e de Dositeo Rodríguez, destacado conselleiro do goberno de Manuel Fraga, interventor de Facenda en Lugo, e membro da antiga familia propietaria do Restaurante La Barra, suponse que contaxiado nunha viaxe de lecer.

E de Madrid recibo a noticia do pasamento, pola mesma causa, do asturiano Joaquín Antuña, Presidente da Fundación Paz y Cooperación, que non hai moito tempo estivo en Lugo e Santiago para inaugurar a exposición do seu Certame Internacional de Debuxo e pronunciar unha conferencia sobre a función desempeñada a prol da paz a través da cooperación.

E entonces empezamos a poñerlle cara á morte, ás cifras que nos agreden, porque non todos os mortos son iguais, e son moito máis para nós os máis de douscentos que levamos en Galicia ca os 40.000 que se di houbo na china Wuhan, onde todo comezou.

É o que ten esta globalización que nos envolve: á vez que todo nos invade, tamén nos despersonaliza. E pesan máis catro mortos coñecidos que os miles que morran nos Estados Unidos ou os máis de setecentos en toda España.  E dinnos que o peor aínda está por vir. E estamos empezando a notalo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com