O IX Festival Internacional Tangoliber chega a Lugo esta fin de semana reunindo na cidade a máis de 250 bailarín desta disciplina chegados de todo o mundo. As actividades arrancan mañá ás 20.00 horas no Círculo das Artes, onde Magín Daniel López porá a música para a Milonga de Benvida e porá punto e final o domingo 22, despois da comida no Gran Hotel, coa Milonga de despedida da man do músico Víctor Ariel Yuryevic.
Na presentación, que tivo lugar no círculo das artes, estiveron presentes representantes de todas as institucións. Así a delegada da área de Cultura da Deputación explicou que se trata “dunha importante cita cultural, que achega un dos estilos de baile máis importante do mundo aos lucenses”.
Pola súa parte, dende o Concello, a edil de Benestar, Ana Abelleira amosouse orgullosa de que Lugo acolla un ano máis este festival, “de carácter internacional, e desta calidade”. Así mesmo remarcou que se “trata dun evento que da boa conta da diversidade e interculturalidade que posuímos en Lugo”, ao tempo que chamou a participar nesta cita lúdica, que vén a completar a ampla a programación que hai na cidade ao longo do verán, que vai dende concertos a excursións, pasando por distintas actividades de cultura urbana.
O xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Ramón Carballo, tamén participou nesta cita na que aproveitou para felicitar á asociación organizadora deste encontro, en cuxo patrocinio participa a Xunta e que propiciará que afeccionados ao tango de todo o mundo coñezan estes días a cidade amurallada. Ademais, subliñou o carácter participativo do programa, que inclúe actividades abertas ao público en xeral e gratuítas.