250 inscritos na IV Ruta BTT Terra Chá que conta co apoio da Deputación

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, o Alcalde de Muras, Manuel Requeijo, o Alcalde de Xermade, Roberto Garcia, o Concelleiro de Deportes de Vilalba, Julio Vázquez Otero e o Presidente da Asociación Clube Ciclista Terra Chá, Miguel Esmoriz, presentaron este mércores na Casa de Cultura de Vilalba a IV Ruta BTT Terra Chá do Queixo San Simón da Costa, que terá lugar o vindeiro domingo, 8 de abril. O Goberno da Deputación é o principal patrocinador desta cita deportiva cunha achega de 2.500 euros para a organización desta proba, para promover así o deporte lucense e dar a coñecer diferentes zonas da Provincia.

Vidal Baamonde remarcou que “esta ruta de BTT é unha oportunidade excepcional para dar a coñecer lugares únicos da Comarca da Terra Chá. O percorrido será circular, con saída e meta na área recreativa da Madalena, e discorrerá polos Concellos de Vilalba, Muras e Xermade; compráceme anunciar que xa hai máis de 250 participantes inscritos de toda Galicia”.

O Deputado lembrou ademais que “esta edición coincide coa celebración na vila da Feira do Queixo de San Simón da Costa en Vilalba. Un produto de primeira calidade con Denominación de Orixe que tamén poderán desfrutar os inscritos nesta proba deportiva, este é polo tanto outro aliciente para participar”.

Rivera Capón lembrou que “o Goberno da Deputación é a administración galega que máis inviste en deporte na provincia, tal e como apuntan os medios especializados, e a de Lugo é a terceira Deputación de todo o Estado que máis inviste por habitante, superando os 12,90 euros. Esta proba de BTT en Vilalba é unha boa mostra delo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com