A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e a Concelleira de Igualdade, Ana González Abelleira, mantiveron esta mañá un encontro cos usuarios da Fundación Secretariado Xitano de Lugo. Os Gobernos da Deputación e do Concello destinan 48.000 euros a este colectivo. Estes fondos permiten ter en marcha programas educativos e de inserción laboral cos seguintes resultados ata o momento: 133 nenos de entre 12 e 16 anos, así como as súas familias, reciben asesoramento e orientación profesional para superar a ESO e logo continuar os seus estudos postobligatorios; 459 maiores recibiron formación nos últimos anos, dos cales 277 asinaron un contrato de traballo.
Entre os programas se atopa o Programa Promociona, que permite a familias, centros educativos e alumnado contratar un profesor e material escolar para os estudantes. Ofrece asesoramento e orientación a nenos de entre 12 a 16 anos, así como aos seus familiares, coa estreita colaboración dos centros educativos lucenses co obxectivo de acadar taxas máis elevadas de éxito escolar na Educación Secundaria Obrigatoria. Nesta iniciativa participan 133 rapaces
de 12 a 16 anos.
Este proxecto conta co traballo de varios profesionais, como unha orientadora educativa e un profesor de aula, que ofrecen aos alumnos e as familias que participan, mecanismos e ferramentas para que teñan maior autonomía para estudar, así como orientación educativa individualizada a través de entrevistas e titorías aos rapaces. Ao longo do curso, os alumnos realizan tarefas de distintas materias escolares, no centro que posúe a Fundación Secretariado en Lugo.
Outro plan importante, esta vez no eido laboral, é o Programa Acceder que ofrece intermediación para facilitar a incorporación ao mercado laboral. Nos últimos anos, 277 maiores de etnia xitana atoparon emprego grazas a esta programación. Ademais, permitiu formarse a 459 persoas. A formación e a cualificación profesional, factores de transformación e elementos estratéxicos de fomento da empregabilidade, son outros dos aspectos crave de Acceder.
López Izquierdo subliñou que “apoiamos este proxecto porque somos conscientes de que a educación é a mellor ferramenta que temos para conseguir a inclusión social deste colectivo, co fin de reducir a porcentaxe de abandono escolar na nosa provincia, pois un 64% dos alumnos xitanos, entre os 16 e os 24 anos, non conclúen os estudos obrigatorios, fronte o 13% do resto do alumnado. Con estas cifras, dende as administracións públicas temos que traballar e colaborar para que os xitanos poidan ter as mesmas oportunidades educativas, laborais e sociais que o resto da sociedade e deste xeito eliminar as barreiras e os estereotipos actuais. Por este motivo, dende o Goberno da Deputación ofrecemos programacións que inclúen cláusulas sociais e que valoran positivamente a inclusión de persoas con risco de exclusión, aínda que non teñamos as competencias neste eido”.
González Abelleira engadiu que “é de agradecer o traballo que dende a Fundación levan desenrolado coa comunidade xitana, un colectivo que está en risco de exclusión. Todos os traballos que se fagan para conseguir una sociedade máis igualitaria son bos e a través da formación e da educación é unha das formas en que todos e todas consigamos esa plena inclusión pola que loitamos día a día dende o Concello e a Deputación, así como dende as diferentes asociacións”.