A provincia de Lugo conta actualmente con 30.630 hectáreas de montes xestionados pola Xunta certificados baixo o sistema PEFC (Programa para o recoñecemento da Certificación Forestal), o que supón aproximadamente o 45% da superficie certificada baixo esta norma en Galicia xestionada pola Consellería do Medio Rural.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta extensión está repartida entre 139 montes, a maioría deles pertencentes a comunidades de montes veciñais en man común que son xestionados por Medio Rural en virtude de convenios ou consorcios asinados cos propietarios.
A certificación baixo unha norma como a PEFC é un instrumento que ten como obxectivo promover unha xestión forestal sostible, axeitada para o medio ambiente e viable dende o punto de vista social e económico.
Os montes certificados pertencen a 36 concellos lugueses: Abadín, Baleira, Baralla, Begonte, Bóveda, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cospeito, Chantada, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Friol, Xermade, Guitiriz, O Incio, Xove, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pantón, O Páramo, A Pastoriza, Pol, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, Trabada, O Vicedo, Vilalba e Viveiro.