Preto de 300 escolares da Ribeira Sacra celebraron hoxe o Día Internacional dos Bosques no viveiro da Consellería do Medio Rural Os Trollos, no municipio de Bóveda, nunha xornada de educación ambiental organizada pola consellería en colaboración co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da zona.
En concreto, participaron 279 alumnos e 27 profesores de distintos centros escolares dos 15 concellos lucenses que integran o GDR da Ribeira Sacra. Compartiron con eles esta celebración o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, así como alcaldes e representantes dos concellos implicados, entre eles o rexedor de Bóveda e presidente do GDR, José Manuel Arias.
Balseiro instou aos nenos e nenas a tomar parte “a favor dun monte vivo e con futuro”, apelando á necesidade de que as novas xeracións se conciencien “do importante papel que deben xogar na preservación dos bosques”.
Ao longo da mañá, os alumnos puideron visitar a aula forestal, onde se expón unha colección de sementes, paneis explicativos dos ciclos do monte, ferramentas utilizadas para a corta e tratamento da madeira, e se proxecta un pequeno vídeo explicativo, entre outro material.
Así mesmo, nunha carpa instalada para a xornada, construíron unha caixa niño para aves e participaron no obradoiro “Sementar, sementarei”, plantando unha semente de especies autóctonas que levaron para as súas casas xunto con diferentes obsequios conmemorativos, tales como chapas e material escolar da campaña “Son cortalumes” desenvolvida por Medio Rural para sensibilizar sobre a importancia de loitar contra os incendios nos montes.
O delegado territorial explicou que estas actuacións terán continuidade porque a Consellería do Medio Rural “ten previsto darlle ao viveiro dos Trollos un enfoque claramente pedagóxico, invitando a todos os colexios da provincia para que o visiten e aprendan diversas cuestións sobre os tipos de árbores e os coidados do monte”.