300 palilleiras amosaron o sábado en Lugo a súa arte en vivo co PalillAD

O Presidente, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, acompañados de palilleiras da provincia, presentaron este luns na Praza de San Marcos, o PalillAD. Consiste  na programación de actividades gratuítas que organiza a Deputación, coa colaboración do Concello de Lugo, para poñer en valor o traballo das palilleiras e contribuír á dinamización social e económica da provincia. Desenvolverase durante os meses de xuño e xullo na capital luguesa e inclúe un encontro de 300 palilleiras, un mercado, unha exposición e 6 obradoiros.

Campos Conde destacou que “o traballo meticuloso e vocacional destas mulleres, que se transmite de xeración en xeración, foi durante moitos anos un piar económico no rural“. Hoxe hai 12 asociacións de palilleiras e preto de 1.000 profesionais deste oficio na provincia. Co PalillAD inténtase promover un dos sectores máis importantes da artesanía e dinamizar a economía da provincia”. Méndez López engadiu que “Lugo non podía ser menos. Por primeira vez, a nosa cidade acoleu este encontro de palilleiras co que quixemos poñer en valor e dignificar un oficio tan importante para a sociedade”.

O encontro de 300 palilleiras de Galicia, Asturias e Castela León, tivo lugar o pasado sábado 10 de xuño, na Praza Horta do Seminario da cidade, coas profesionais palillaando en vivo en colectivos, intercambiando os seus coñecementos e amosando o seu traballo. Houbo tamén un mercado de materiais para o encaixe grazas á colaboración da Asociación Agulla Máxica de Lugo.e nos establecemos hostaleiros da zona ofrecéronse menús con prezos especiais grazas á colaboración da Asociación Provincial de Hostaleiros.

A programación do PalillAD conta tamén cunha exposición na Capela de Santa María do 15 de xuño ao 25 de xullo ao redor do encaixe moderno e as posibilidades de aplicación destes modelos máis alá do enxoval tradicional.

Por último, o PalillAD inclúe 6 obradoiros, impartidos pola galega Milagros Vázquez, sobre a iniciación ao encaixe, nivel medio e perfeccionamento das técnicas de encaixe moderno, remate, fío máxico, encaixe ruso e cinta. Os cursos están dirixidos a palilleiras e persoas que queiran iniciarse na disciplina do encaixe. Estes obradoiros, terán lugar os días 20, 22 e 29 de xullo e 6, 13 e 20 de xullo na Capela de Santa María.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com