33 artistas chegados de distintos lugares de Galicia e España, concorreron este domingo no XVI Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo. A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, destacou a participación acadada este ano e que consolida o seu prestixio a nivel nacional. O pintor Juan Carlos Triñanes de Rianxo resultou gañador desta edición, mentres que na categoría de artista local o vencedor foi Manuel Carreira.
Dende primeira hora da mañá, os pintores participantes escolleron un lugar entre os múltiples espazos contemplados nesta edición, que amplía o tradicional escenario do recinto amurallado ao barrio da Ponte, o parque da Milagrosa e o MIHL, o paseo do Miño e a súa pasarela peonil, no que traballar á vista de curiosos, transformando deste xeito a cidade nun grande estudo de pintura ao aire libre.
O xurado, que estivo composto polos artistas Mónica Alonso, Xoán Vila e Jorge Espiral, reuniuse diante da Casa Consistorial para valorar os 33 cadros presentados a concurso e destacou o alto nivel dos participantes.
Tras deliberar, os membros do xurado decidiron outorgar os premios aos seguintes participantes:
1º premio de 1.500 euros e diploma a Juan Carlos Triñanes Buceta.
2º premio de 1.000 euros e diploma a Raúl Gil Burés.
3º premio de 800 euros e diploma a Manuel Ángel Serantes Morán.
Os seis accésits de 300 euros e diploma corresponden aos seguintes autores:
1.- Isabell Seidell.
2.- José Luis Riestra Alonso.
3.- Piedad Santamaría Pascual.
4.- Julio Gómez Mena.
5.- Eduardo Baamonde.
6.- Diego Manuel Fernández González Columé.
O premio especial de 450 euros e diploma ao artista local foi para Manuel Ángel Carreira Varela.
Exposición dos cadros participantes
A partir do momento do ditame do xurado, que tivo lugar na Praza Maior, os autores dos cadros non premiados tiveron a posibilidade de poñer á venda as súas obras, asinándoas e poñéndolles na parte traseira o seu importe. A exposición ao aire libre prolongouse ata a tardiña e sumou gran cantidade de público. Entre os días 13 e 17 de xullo realizarase unha exposición de todas as obras premiadas no corredor da Casa do Concello.