A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e o Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, inauguraron este martes o Obradoiro de iniciación á metodoloxía Bosquescuela, que terá lugar este martes e mércores no Centro de Interpretación Terras do Miño, na capital luguesa, enmarcado na programación da Universidade de Verán do Campus Terra da USC, coa que colabora o Goberno da Deputación.
O curso, dirixido por Rubén Navarro Patón, está impartido por Silvia Corchero, formadora de Bosquescuela Cerceda-Madrid, e ten unha duración de 15 horas. Esta iniciativa, formada por unha rede de profesionais e entidades do sector da Educación que utilizan o entorno da natureza como aula de aprendizaxe, vai dirixida a estudantes universitarios dos diferentes graos que do Campus Terra da USC.
López Izquierdo subliñou que “dende o organismo provincial colaboramos coa USC para impulsar e promover o coñecemento e a formación dos veciños da provincia. En concreto, nesta actividade afondarase na educación ao aire libre e os valores que se poden transmitir aos máis novos a través do contacto coa natureza”. Pola súa parte, Fernández Queipo remarcou a importancia deste obradoiro “que vai contribuír a difundir entre a xuventude e o profesorado unha maneira diferente de dar clase e de entender o medio ambiente, e permitirá que xeracións futuras poidan facer un uso responsable e un aproveitamento sostible do entorno natural”.
A metodoloxía Bosquescuela ten o obxectivo de favorecer o coñecemento do modelo de educación homologado e regrado que esperte a iniciativa persoal dos nenos e nenas, vivir a inmensa variedade e posibilidades que ofrece a natureza como aula e entorno de aprendizaxe e coñecer e reflexionar sobre os valores, a base teórica e a metodoloxía Bosquescuela.