38 concellos adhírense ao convenio do plan de aforro enerxético provincial ‘Ilumin@’

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, asinou este martes cos 38 concellos da provincia que decidiron adherirse o convenio de colaboración que pon en marcha o plan de aforro enerxético Ilumin@. A institución provincial destina un investimento de 723.000€ a este proxecto, a través do que as entidades locais recibirán axuda económica para a substitución de preto de 3.200 luminarias por outras de tecnoloxía LED, o que supoñerá un aforro conxunto de 62.000€ ao ano, isto é ata un 63% da facturación eléctrica das instalacións municipais nas que se actuará, fundamentalmente alumeados públicos exteriores. A tecnoloxía LED permitirá reducir ademais o consumo nun total de 450.000 quilovatios ao ano, o que minimizará tamén a pegada de carbono.

“Esta é unha iniciativa que forma parte do noso obxectivo estratéxico de cooperar cos municipios para que poidan prestar servizos públicos eficientes á cidadanía aforrando custes, pero tamén preservando o medio ambiente”, subliñou José Tomé no acto de sinatura do convenio, celebrado na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos.

O Presidente recalcou esta mañá que “a Deputación é o Concello dos Concellos” e que dende a institución traballan con instrumentos tan importantes como o Plan Único, ao que se destinará algo máis de 20M€ no vindeiro ano, pero tamén cunha asistencia técnica diaria en moi diversas materias e con diferentes accións como o programa Ilumin@.

O Presidente anunciou que mañá mesmo, a Xunta de Goberno aprobará sacar a licitación o subministro e a instalación do material necesario para á substitución das luminarias. A previsión é que os traballos poidan comezar a principios de ano. Pensado para axudar aos concellos de menos de 20.000 habitantes, o Ilumin@ suporá un investimento de 723.000 euros, distribuídos entre os 38 municipios adheridos en base a criterios obxectivos para garantir equidade e proporcionalidade: poboación, superficie, dispersión ou esforzo fiscal.

Para acometer este proxecto, a entidade provincial recibiu unha achega económica de 578.072,26€ do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), solicitada a través do Instituto de Desenvolvemento de Aforro Enerxético (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica. A Deputación achega 144.518,10€, co que o orzamento total do proxecto é de 722.590,36€.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com