4.000 persoas, ocupacións hoteleiras do 100%, impacto económico de 250.000 euros e a xeración de 70 empregos, son as cifras que confirman o éxito do 17º Ribeira Sacra. Así o avanzaron este xoves o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Director do Festival 17º Ribeira Sacra, Carlos Montilla.
Campos Conde destacou que “estes son datos que confirman o éxito do Festival 17º Ribeira Sacra, unha iniciativa que, dende o seu nacemento o ano pasado, contou coa principal colaboración deste Goberno da Deputación. De feito, este ano, destinamos a esta iniciativa uns 26.000 euros, o que nos converteu na administración pública por excelencia patrocinadora deste evento. Botamos en falta, por exemplo, máis implicación da Xunta de Galicia, institución coas competencias en Turismo”.
“Os resultados avalan a importancia da nosa colaboración, pois foron unhas 4.000 persoas chegadas non so de Galicia, senón tamén do resto de España, as que se achegaron á Ribeira Sacra lucense a desfrutar dun festival para un territorio, facendo que se esgotasen todas as entradas. Isto implicou unha ocupación hoteleira do 100% en Concellos do como o de Monforte de Lemos, ou en Sober, municipio no que tamén se esgotaron as prazas de cámping que a organización do Festival ofreceu aos visitantes”.
Neste senso, Campos Conde remarcou que o Festival 17º Ribeira Sacra é ademais un motor xerador de riqueza pois, durante tan só 3 días, produciu un impacto económico superior aos 250.000 euros e xerou mais de 70 empregos de xeito directo, dos que 30 son da Ribeira Sacra.
Pola súa banda, Carlos Montilla agradeceu a constante colaboración da Deputación neste proxecto “sen a cal o Festival 17º Ribeira Sacra nunca podería celebrarse”. Neste senso, apuntou, a “grande evolución do evento nesta segunda edición, na que se superaron as todas as expectativas”.