Localmente Lucense celebrará a súa primeira actividade de networking este xoves, 24 de marzo. Será un almorzo de negocios, en horario de 08:30 a 09:30 horas, no Hotel Fórum Ceao. Esta actividade está dirixida a emprendedores/as, asociacións e empresas de comercio, hostalería ou outros sectores interesados. En total haberá dispoñibles 40 prazas, sendo necesaria a inscrición previa a través do seguinte enlace: www.localmentelucense.gal/almorzo-de-negocios
Esta iniciativa enmárcase no Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial, posto en marcha polo goberno local. En total faranse 12 almorzos de negocios ao longo do ano, cada un versará sobre un tema diferente e realizarase nunha zona da cidade distinta, facilitando así a creación de lazos entre o empresariado lucense.
“Nesta primeira sesión, ademais de que as persoas asistentes se presenten a sí mesmos/as e ás súas empresas, falarase sobre a importancia da colaboración e a cooperación entre o tecido empresarial lucense”, explicou a rexedora, quen subliñou que “o obxectivo desta xuntanza é crear sinerxías entre os establecementos e seguir dando a coñecer a campaña Localmente Lucense, orgullo de barrio’, para a que destinamos preto dun millón de euros”.
Esta campaña enmárcase na Estratexia global de dinamización, reconstrución e reactivación da economía de Lugo, deseñada pola rexedora para paliar as consecuencias da crise provocada pola Covid-19. Inclúe dous piares fundamentais:
Por unha banda, o Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial (326.700 euros), dentro do cal se realizarán, ademais dos almorzos de negocios, charlas con empresarios locais e expertos nacionais; programas de formación en áreas como administración e xestión, atención ao cliente, marketing, compras, comunicación, informática e comunicacións, internacional, marketing dixital, packaging, promoción e venda; asesoramento ‘in situ’ sobre escaparatismo ou iluminación; xornadas de portas abertas nos viveiros de empresas do Concello; ou e actividades de dinamización polo Día Internacional do Emprendemento.
E por outra, un Plan de dinamización de barrios (653.400 euros) que se desenvolverá por cinco zonas da cidade, incluíndo todos os barrios lucenses, e que contempla a realización de actividades de ocio e lecer como tardeos, noiteos, con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento; campañas estacionais e en datas sinaladas como San Valentín, Nadal, Samaín, rebaixas de inverno e de verán; ou a organización de mercadiños nas rúas.