A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, e a Concelleira de Turismo do Concello de Viveiro, María Soledad Rey Yáñez, participaron este sábado no roteiro a obradoiros de artesáns da mariña lucense, totalmente gratuítos, que o Executivo Provincial ofrece con motivo dos Días Europeos da Artesanía. Nesta ruta pola zona norte da provincia participaron 40 persoas, que puideron coñecer de primeira man como traballan os profesionais do sector na mariña.
García Porto subliñou que “dende o Goberno da Deputación ofrecemos este tipo de iniciativas, totalmente gratuítas, para fomentar un dos oficios máis ligados á identidade galega que axuda a fixar poboación nas zonas rurais, ademais de ser unha actividade económica cun grande valor engadido. Con esta ruta na zona sur da provincia conseguimos que os participantes coñezan un pouco máis do traballo diario que realizan os artesáns da mariña.”
Ademais, durante os Días Europeos da Artesanía, o Centro de Artesanía e Deseño ofrecerá xornadas de portas abertas, totalmente gratuítas para os lucenses, nas que poderán visitar a Exposición Plastishistoria da Ciencia, a Colección de Instrumentos Musicais, e os obradoiros do Moble, do Libro e Instrumentos Musicais. O horario é de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.