A través do departamento de Cohesión Social e Territorial, foi elaborado un plan de traballo en 44 parroquias pertencentes a diferentes zonas rurais do concello de Lugo. Nestas xornadas están a ser realizadas as tarefas, entre as que figuran a reposición de fundidos ou a instalación de alumeado eléctrico, así como a limpeza de cunetas ou de canalizacións.
Segundo expón nun comunicado de prensa o departamento, a iniciativa busca “mellorar a seguridade viaria no ámbito rural do noso municipio, cunha iluminación adecuada e tamén incorporando a sinalización ou os espellos que garanten esa seguridade para condutores e peóns, que nos traslada a propia veciñanza”.
Sobre as tarefas en relación á instalación lumínica, estas están a ser realizadas nos lugares de Ombreiro, Nadela, Pías, Soñar, O burgo, Santiago de Saa, Meilán, A Louzaneta, Rubiás, San Vicente de Pedreda, Bazar, Romeán, Piugos, Bosende, Bocamaos, Coeses, San Salvador de Outeiro, A Campiña, San Pedro de Mera, San Xoán do Alto, Astrar, Santa María de Muxa, Benade, A Ponte e Barbaín.
Noutra liña de accións, referentes ao mantemento da balización viaria e a contorna das carreteras, outras 18 parroquias están a ser atendidas mediante desbroces e colocación de sinais.