A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, informou esta mañá de que preto de 5.000 persoas dadas de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) da provincia recibirán unha comunicación para que actualicen os seus datos de contacto e dirección de correo electrónico na Seguridade Social.
As persoas afectadas recibirán unha mensaxe SMS a través dos seus móbiles ou unha carta postal “nas próximas semanas, de forma gradual para evitar colapsos”, explicou a subdelegada. Así, para evitar posibles confusións ou desconfianza por parte das persoas afectadas, detallou o texto que se recibirá: “Regularización cotización RETA 2023. Debe comunicar o seu correo electrónico para evitar incidencias na próxima regularización a través da seguinte ligazón: https://portal.seg-social.gob.es/wps/portal/importass/importass/Categorias/Datos+persoais Información 915410291 ou 901502020”.
Isabel Rodríguez remarcou que é necesario proceder a esta actualización polas incidencias que poida ter na próxima regularización das cotizacións dos traballadores e traballadoras autónomas, “facendo un chamamento para a difusión desta campaña, trasladando tranquilidade e garantindo que non se trata nin dunha estafa nin dun engano”. Lembrou tamén que os cidadáns que o desexen poden acudir presencialmente ás oficinas de información que a Tesourería Xeral da Seguridade Social ten na Rolda Músico Xosé Castiñeira, 26, na cidade de Lugo.