A Xunta de Galicia distribuíu 50.000 unidades de protección contra o coronavirus nas sete instalacións da provincia de Lugo que acollerán os campamentos xuvenís da Consellería de Política Social a partir da vindeira semana. En concreto, achegou unha primeira partida de 48.300 máscaras -7.320 de tamaño infantil-, 800 guantes e 500 botes de hidroxel e desinfectante, para a seguridade de traballadores e usuarios dos campamentos de Portomarín, Viveiro, Ribadeo, Palas de Rei, Carballedo, Quiroga e Lugo.
Ao mesmo tempo, está a realizar outra entrega de 77.400 unidades entre 75 residencias, vivendas tuteladas e centros de días de entidades de iniciativa social da provincia, tanto de xestión pública como privada; entre este material figuran 38.800 máscaras, 152 batas e mandís, e 900 gorros e calzas.
Deste xeito, as unidades facilitadas a este tipo de centros dende o inicio da crise sanitaria ascenden a 1.099.600, das que 539.400 son máscaras e 493.500 guantes. Fixéronse quince repartos que chegaron a todos os centros asistenciais da provincia que constan no rexistro autonómico.