500 veciños da Fonsagrada beneficiaranse do arranxo de 2 estradas provinciais

O Goberno da Deputación mellorará 7,6 quilómetros de dúas estradas no Concello da Fonsagrada. Así o avanzou o Vicepresidente, Argelio Fernández Queipo, que subliñou que “aprobamos en Xunta de Goberno destinar un máximo de 350.000 euros para o arranxo da LU- P-0408, de Córneas por Freixo a Lastra; e a LU-P-1911, de Mesón Novo, por O Ventorrillo, a Chao de Vaga. Cómpre subliñar que se trata da licitación das obras, polo que agora ábrese o prazo para que as empresas interesadas presenten oferta e, previsiblemente, poderanse aforrar cartos”.

Fernández Queipo destacou sobre a LU-P-1911 que “é unha estrada importante para o Concello, sobre todo para a parroquia de Veiga de Logares, pois emprégana a diario máis de 300 veciños da zona. Ademais, nesta zona concéntranse numerosas explotacións gandeiras e varias casas de turismo rural, polo que con estas actuacións  promovemos a actividade económica e turística do Concello”.

O Vicepresidente engadiu que “así mesmo, coa mellora da LU-P-0408, beneficiamos a máis de 200 veciños da parroquia de Freixo, á que dá servizo. Esta estrada tamén comunica coa LU-P- 0401, que une co Concello de Baleira, polo que se trata dunha vía moi transitada polos veciños de ambos municipios”.

Os traballos, que consistirán na limpeza de cunetas, a mellora do firme con aglomerado en quente, e a renovación da sinalización horizontal e vertical, levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 4,3 e 4,9 e entre o 10,5 e o 11,5 na LU-P-1911; e entre os quilómetros 5,1 e o 11,1, na LU-P-0408.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com