51 establecementos hostaleiros de 23 municipios lucenses participarán cos seus produtos e materias primas, nunha nova campaña de promoción e exaltación dos produtos da provincia que, baixo o nome E para comer…Lugo presentou esta mañá o presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo, Cheché Real, xunto ao presidente da Deputación, Darío Campos.
Trátase dunha iniciativa coa que os locais introducirán nas súas cartas produtos e materias primas da provincia con denominación de orixe protexida (D.O.P) ou indicación xeográfica protexida (IXP), así como de asociacións e empresas con presenza na provincia. Deste xeito, entre abril e novembro, durante os últimos 10 días, os restaurantes que se sumaron a esta campaña porán á disposición dos clientes pratos elaborados con distintos produtos de Lugo.
O presidente da deputación puxo en valor esta iniciativa na que Deputación, Apehl e Hostaleiros “xuntamos forzas” para continuar promovendo o consumo das materias primas da provincia “que ademais de ser de ser de altísima calidade e contar con grande recoñecemento entre a cidadanía, son un motor xerador de economía e emprego”.
Calendario das exaltacións
Abril. 19 ao 28: Fabas de Lourenzá, Merluza do Pincho de Burela e do CRDO Queixo Arzúa-Ulloa.
Maio. 17 ao 26: Ternera Gallega Suprema Raza Rubia Gallega, Grelos de Galicia e CRDO Queixo do Cebreiro.
Xuño. 21 ao 30: Merluza do Pincho de Burela, Cordeiro de Raza Ovella Galega e Castañas de Galicia.
Xullo. 19 ao 28: Bonito de Burela, Lacón Galego e Pementos de Mougán.
Agosto. 16 ao 25: Bonito de Burela, Castañas de Galicia e Pementos de Mougán.
Setembro. 20 ao 29 : Porco Celta, Grelos de Galicia, Patacas de Galicia e Mel de Galicia.
Outubro. 18 ao 27: Fabas de Lourenzá, Ternera Gallega, Queixo do San Simón da Costa e Mel de Galicia.
Novembro. 15 ao 24: Raza Mos, Grelos de Galicia, Pataca de Galicia e Queixo de Tetilla.
Durante todas as xornadas, empregaranse viños da D.O. Ribeira Sacra, Galletas Daveiga, pan da provincia (AFAPÁN), e CR Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.