5260 tendas galegas, rexistradas na iniciativa Bono Activa Comercio

O Consello da Xunta de Galicia deu conta hoxe do balance da iniciativa Bono Activa Comercio, despois de que o pasado luns 31 de maio se pechase o prazo de rexistro para os negocios interesados. Así, un total de 5260 tendas de toda Galicia uníronse a este programa posto en marcha desde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación co obxectivo de fomentar o comercio de proximidade.

Os establecementos relacionados co sector téxtil e de calzado son os que máis decidiron participar nesta campaña –1151, supoñendo o 30% do total–, así como o comercio polo miúdo de libros e artigos de papelería –393– ; os servizos de perruquería e barbería –332–; e os establecementos de material eléctrico, electrodomésticos e outros aparellos de uso doméstico –323–. Unhas cifras que sinalan a aposta dos galegos e galegas por un comercio de confianza baseado na calidade e o trato personalizado, máis neste novo escenario orixinado pola pandemia.

Por provincias, A Coruña é a que conta con máis comercios adheridos, con 1982; seguida de Pontevedra, que sumou 1751; Lugo, con 814; e Ourense, onde un total de 713 establecementos contan co distintivo do Bono Activa Comercio.

Con respecto aos usuarios, a día de hoxe son máis de 126.000 os galegos e galegas que xa descargaron o bono desconto por valor de 30 euros, pertencendo 53.300 á provincia da Coruña; 39.200 á de Pontevedra; preto de 17.000 á de Lugo; e máis de 16.500 á de Ourense. Todos aqueles consumidores que aínda non descargaron o seu bono, aínda están a tempo de facelo na web bonosactivacomercio.gal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com