Para o cumprimento da normativa vixente ao respecto da xestión de residuos, a Área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo abre un servizo pioneiro, xestionado a través da empresa de limpeza EcoLugo, de recollida de grandes xeradores de biorresiduos. O sistema, co que se busca a reciclaxe eficiente da materia otgánica, será estreado na súa fase inicial con 67 establecementos da cidade.
Entre as empresas e establecementos involucrados, atópanse 36 centros educativos, 13 residencias de maiores, 9 hoteis e restaurantes e outros 9 espazos entre supermercados ou comedores sociais. Dende o comunicado emitido dende o Concello, apuntan que os establecementos adheridos contan cunha serie de “vantaxes significativas”, sendo estas: “recollida directa e gratuíta na porta, entrega de contedores específicos e a asignación dun ‘selo con garantía ambiental’ que destaca o compromiso social e medioambiental”, así como á contribución “á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e ao cumprimento da normativa europea sobre reciclaxe de residuos orgánicos”.
Requirimentos e contacto para a suma de establecementos
Aqueles establecementos interesados na súa inclusión na nova oferta, estes deben cumplir cos requirimentos da separación da materia orgánica doutros residuos, o seu depósito nos contedores marróns facilitados e o mantemento da súa hixiene. A empresa EcoLugo ofrecerá formación e asistencia personalizada para asegurar unha correcta xestión dos residuos, así como será posible para as empresas adheridas comunicar incidencias como rebasamentos ou falta de mantemento a través das vías de contacto habilitadas.
Concello, no seu escrito, pon á disposición xeral para os tecidos de Lugo que se queiran sumar a iniciativa o contacto da oficina de EcoLugo, na Rúa Clérigos, así como o teléfono 900 909 671 ou a aplicación ‘bitPAYT’.