Advertíao onte o xerente da área sanitaria, Ramón Ares. A situación en Lugo non está controlada. Un novo baile nas cifras que, nos últimos días semellaban unha estabilidade que non acaba de chegar. O SERGAS confirmou onte outros 69 positivos por Covid 19 mediante as PCR realizadas. Un número que eleva a cifra total de casos activos ata os 1.100. É dicir, repuntan os casos e as novas infeccións. Con todo, a presión hospitalaria mantense na provincia con 54 ingresados en complexos hospitalarios e cinco persoas na UCI.
A Consellería de Sanidade comunicaba tamén na tarde de onte a morte dunha muller de 95 anos de idade que estaba ingresada no Hospital Lucus Augusti.
En canto ao semáforo de incidencia a sete días, Burela regresa ao nivel máximo de alerta, no que continúan Lugo, Sarria e Vilalba. No nivel laranxa permanecen Guntín, Chantada e Monforte de Lemos. Por último, no nivel máis baixo de alerta, o amarelo, están 10 Concellos: Monterroso, Láncara, O Corgo, Castro de Rei, Cospeito, Ribadeo, Foz, Cervo, Xove e Viveiro.