O Campamento Xuvenil da Devesa, en Ribadeo, acolle este verán a 685 rapaces e rapazas entre os meses de xullo e agosto, sendo as instalacións da provincia con maior oferta de prazas dentro da campaña de actividades de verán da Consellería de Política Social.
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou o campamento, no que a día de hoxe conviven arredor de 190 nenos e nenas de distintas idades gozando das variadas posibilidades do entorno, con actividades que combinan o mar e a natureza: Actividades náuticas (surf ou kaiak), escalada en rocódromo, bicicleta, tiro con arco, obradoiros de conservación do medio, excursións e visitas a lugares de interese da zona, entre outras.
Nesta primeira quincena desenvólvense nas instalacións dous campamentos de xestión propia da Xunta -para nenos de 10 a 12 anos e de 12 a 14 anos respectivamente- e outro concertado coa Cruz Vermella.
Balseiro destacou que a Consellería de Política Social organiza un completo programa de actividades de verán “para ofrecer aos nenos e á mocidade unha alternativa vacacional formativa e divertida, e para que as familias teñan máis doado conciliar nesta época”. Igualmente, subliñou, “procuramos que estes recursos cheguen ao maior número de familias, e principalmente ás que máis o precisan, obxectivo no que resulta fundamental a colaboración con organismos como a Cruz Vermella”. Ao respecto, explicou que das 685 prazas que suma A Devesa, 205 son en oferta concertada.
Na mesma liña, o delegado territorial subliñou “o incremento constante que vimos experimentando cada ano tanto no número de prazas como no orzamento destinado á provincia na campaña de actividades de verán”. Así, no conxunto da provincia de Lugo, a Consellería oferta 2.155 prazas (325 delas concertadas), 195 máis que o ano pasado -un 10% máis-.
Ademais do campamento da Devesa hai tamén ofertas para mozas e mozos noutros concellos da provincia: estas sitúanse nas instalacións da Xunta en Viveiro, Portomarín, Ribadeo, Palas de Rei, Lugo e Carballedo e no albergue municipal de Quiroga; os campos de traballo en Quiroga, Folgoso do Courel, Pantón, Portomarín e Xermade.